miércoles, 25 de mayo de 2016

EXPERIMENTOS DE PRIMAVERA

Durante estas semanas, estivemos coñecendo un pouquiño máis da primavera a partir de tódalas actividades que fixemos relacionadas co conto "Aínda nada". Aquí vos deixamos un vídeo onde o narra a contacontos Bea Campos...


Por suposto, tamén decoramos o noso corredor e as nosas fiestras con motivos primaverais: flores, bolboretas, xoaniñas, caracois, espantallos...


Pero sen dúbida, o que máis nos gustou foi ver como medraban as nosas plantas. Tódalas mañás comprobabamos como evolucionaban e, por suposto, nunca nos olvidabamos de regalas. Cada un de nós escolleu o que quixo plantar. Como sementes tiñamos lentellas, garavanzos, fabas, pipas e millo. E onde as plantariamos? Tiñamos moitas opcións, pero estas foron as que se nos ocorreron: terra, area, auga, pedras, algodón, plastilina, pintura, fariña, café, cacao, sal, azucre...
Como non estabamos moi seguros se nestas superficies medrarían as nosas sementes, decidimos facer as nosas hipóteses, explicando por qué pensabamos que o farían ou por qué non. E os resultados recollémolos nunhas gráficas que completamos con gomets, e que estes últimos días revisamos de novo para así descubrir quen estaba no certo e quen non, pensando novamente en por qué unhas plantas medraron nunhas superficies e por qué outras non o fixeron. Aquí vos deixamos os resultados finais...


Na aula de 3-4 anos os grandes afortunados foron Samuel e Vítor. As súas plantas están xigantes! Tamén medraron os xirasoles de Pablo e Uxía, pero aínda están moi pequeniños. E ocorreu algo moi extraño coa pipa de Felipe, que se abriu e medrou un pouquiño, pero de un día para outro morreu... Os demais nenos e nenas non tiveron tanta sorte, as súas plantas non medraron nadiña.



Tiveron moita mellor sorte as nenas e nenos da aula de 4-5 anos. Medraron case tódalas súas plantas, excepto as de Nerea e Lara, pero estas nenas puideron ver como cambiaba a súa auga de cor e como desaparecían algunhas das súas sementes.


E MEDRASEN OU NON, O MÁIS IMPORTANTE FOI O QUE APRENDEMOS SOBRE O CRECEMENTO DAS PLANTAS E, SOBRE TODO, O QUE NOS DIVERTIMOS COA NOSA PLANTACIÓN!

No hay comentarios: